Sunday 12 de May de 2024

O Plan de Mobilidade en Conxo comeza o 12 de xaneiro para permitir a construción do túnel, que eliminará o 90% do tráfico de superficie


O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Alejandro Sánchez-Brunete, presentou en rolda de prensa o Plan de actuación sobre a mobilidade da rotonda de Conxo, que inclúe as solucións técnicas máis acaídas para que as alteracións no tráfico que se causen con esta obras sexan as estritamente necesarias. Para a elaboración do plan realizáronse máis de 3.700 enquisas entre os veciños da zona que permitiron facer un estudo detallado sobre os patróns de mobilidade. A obra ten unha duración estimada de dez meses

A obra do túnel de Conxo, moi demandada polos veciños non só da zona, senón de toda a cidade, comezará a partir do 12 de xaneiro. Esta nova infraestrutura contribuirá a alixeirar e favorecer a circulación de forma substancial xa que está previsto que elimine da superfice o 90% dos vehículos, quedando esta para o tráfico interno e os movementos dos veciños. Así mesmo diversificará o uso dende o punto de vista do tráfico, conseguindo máis espazo en superficie e gañando neste senso confort e habitabilidade no barrio. Ademais, permitirá a transformación da rotonda, eliminando a “fronteira” que supón o actual sistema viario para os habitantes da zona.

O concelleiro, acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, indicou que o proxecto de mobilidade será explicado en breve aos veciños (xa coñecen un avance), que foron consultados para a elaboración do plan a través de 3.717 enquisas de preferencia. A través das mesmas coñecéronse moitos datos de relevancia como todos os fluxos de mobilidade, os principais accesos, as rutas máis realizadas ou o numero de vehículos que entran e saen da cidade por esta zona (14.412 vehículos de media de entrada pola SC20 e 18.104 de saída).

Con toda esta información elaborouse o plan de mobilidade para Conxo, un dos barrios da cidade que move máis vehículos, con máis de 5.000 habitantes, e que conta con varios centros atractores de mobilidade: o Hospital provincial, con 627 empregados directos, e os pacientes; o Hospital psiquiátrico, con 285 empregados, e varias industrias, que aglutinan 400 traballadores.A área de traballo afecta ao vial SC-20, e debido á tipoloxía do mesmo, a súa influencia esténdese ás rúas que van ata a rotonda de Conxo.
Alteracións previstas durante o desenvolvemento das obras

Unha infraestrutura como esta supón un desenvolvemento por fases que obriga a actuacións cambiantes sobre os patróns de mobilidade, non obstante, en todo momento existirán como mínimo carrís bidireccionais que asegurarán o tráfico en ambos sentidos. Aínda que o nivel de afectación ao tráfico poida variar en función da fase na que se está a desenvolver a obra, recoméndase a utilización de vías de alta capacidade dende o inicio das mesmas para axilizar máis o tráfico. Dende a primeira fase existirán mudanzas no viario da zona, cunha excepción, o transporte urbano, que non alterará en ningún momento nin a súa estrutura territorial nin a súa estrutura horaria.

Para facilitar o paso, deseñouse un plan de sinalización, que abrangue dous tipos: modelo macro, que implica a sinalización dende orixe, recomendando a utilización dos viarios de alta capacidade (AP9, avenida Mestre Vitoria, etc …); e modelo micro, centrado nas rúas do barrio para indicar a dirección de hospitais e principais corredores desembocantes.

Primeira fase

A primeira fase da obra estenderase dende o 12 de xaneiro ata principios de marzo. Durante este tempo manteranse dous carrís de acceso á cidade e un de saída. Este carril de saída contará cun acceso á dereita para poder diferenciar os tráficos do barrio e hospital provincial, dos propios da SC-20.

Nesta fase, coa excepción do transporte urbano, non se poderá circular co vehículo privado dende a rúa Sánchez Freire á rotonda, polo que o tráfico se desviará pola avenida de Ferrol e o seu ámbito. As actuacións no barrio nesta primeira etapa pasan pola xerarquización das travesas de Conxo de Arriba e de Conxo de Abaixo, que pasarán a ser dirección única para favorecer o desconxestionamento do tráfico.

Traballos previos

Con motivo da realización dos estudos previos necesarios para a execución das obras estanse a levar a cabo cortes de tráfico parciais dende o día 16 e que se estenderán ata o venres 19. Estas restricións serán en horario nocturno co obxectivo de causar a menor afección posible á circulación.